Como Chegar | Planos | Onde Comer | Onde dormir | Fotos | Concello | Enlaces

CONCELLO DE RIBEIRA

Guía turística xeral

Situado entre as rías de Arousa e Noia-Muros, Ribeira é o municipio máis meridional da provincia de A Coruña. É a capital da bisbarra do Barbanza e o seu porto é un dos máis importantes da UE.
É o sexto municipio da provincia en canto a poboación, máis de 29.000 habitantes, aínda que non é moi extenso (65'10 km2). Conta con 9 parroquias: Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira.
Dentro dos seus límites está o cume máis occidental da serra do Barbanza, Os Forcados (618 m), no monte da Curota. O seu relevo descende vertixinosamente cara a costa, abranguendo desde a praia de Esteiro, en Palmeira, ata a de Espiñeirido. Dispón, de dous valiosos enclaves protexidos: o Parque Natural das Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e a illa de Sálvora, que forma parte do único enclave con esa categoría da nosa comunidade, o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
A cidade tivo a súa orixe no barrio de Bandourrío, onde aínda se conservan as tradicionais casas mariñeiras. Tamén se poden ver algunhas casas de comezos de século, con fermosas galerías. Diante da igrexa parroquial, ábrese a Praza de Otero Goyanes, á que tamén mira a Casa-Pazo dos Marqueses de Revilla.
A vila está irmandada co municipio tinerfeño de Adeje e coa localidade estadounidense de Newark, no estado de New York, debido á importante comunidade de ribeirenses emigrantes establecidos neste lugar.
Pódense visitar a súas páxinas web: www.riveira.com/ www.ribeira.net

Descrición Xeográfica

Dunas de CorrubedoRibeira sitúase nas estribacións meridionais da serra do Barbanza, na súa caída cara ó mar. O seu relevo divídese en dúas unidades ben diferenzadas: a vertente da serra do Barbanza, que acolle alturas de ata 200 m, xunto a encaixados vales, formados polos numerosos ríos que nacen na serra, e a chaira litoral, non moi ampla, pero moi ben aproveitada, tanto para cultivos como asentamentos.

É de destacar a unidade xeomorfolóxica tan importante que forma A Lagoa de Carregal e o Complexo Dunar de Corrubedo, toda ela declarada Parque Natural.

Os ríos son abundantes e curtos, dado que son regatos que nacen na serra e tras poco percorrido desembocan no mar. Destacamos o río Artes, que mantén a lagoa de Carregal.

O clima é temperado, oceánico húmido, cunhas precipitacións anuais en torno ós 1300 mm e unha temperatura media anual entre 14 e 15ºC

Historia

Dende a Prehistoria ata o século XII

A nosa comarca estivo poboada desde tempos inmemoriais, como así o testemuña a abundancia de restos arqueolóxicos espallados por estas terras. Un entorno favorable e rico en recursos naturais, como unha vasta extensión de terra fértil e a abundancia e diversidade de fauna mariña, xunto a unha situación xeográfica estratéxica, serían os motivos que poden explicar este antergo poboamento.

Mámoas, dólmens, petroglifos e menhires dos nosos antepasados desafiaron o paso do tempo e chegaron ata hoxe en bastante bo estado, constitúen a pegada do seu paso por estas terras á vez que son fonte de moitas lendas que perviviron ata agora.

Dolmen de AxeitosOs monumentos máis antiguos que conservamos son do Período Megalítico, en plena Idade de Pedra, alá polo tercer milenio a. de C. Desta época caracterizada polo uso da pedra como materia prima, son a Pedra das Cabras e o Dolmen de Axeitos, construcción funeraria coñecida popularmente como “Pedra do Mouro”.

A Cultura Castrexa deixou numerosas pegadas na comarca. Desta época son as primeiras “organizacións urbanas” en forma de pequenos poboados: os castros, estendidos tanto no interior como na zona costeira (Castro da Cidá, Aguiño, Artes, Castiñeiras, Neixón -concello de Boiro-, Baroña -concello de Porto do Son-,….). Os asentamentos de planta circular e provistos de sistemas defensivos como murallas, foxos e terrapléns estaban situados aproveitando pequeños cumes ou promontorios rochosos da costa como cabos ou penínsulas.

Estes antigos poboadores eran recolectores pero tamén coñecían a agricultura, gandería, pesca e marisqueo. Traballaban a terra con rudimentarias pero eficientes ferramentas como legoñas ou foces e dispoñían de aparellas para a transformación do producto como muíños de man para moer o gran dos cereais. Tamén se sabe que posuían pequenos rabaños de animais como porcos, vacas, ovellas ou cabras, dos que aproveitaban o carne e oleite. Os asentamentos do litoral posuían unha nova fonte de recursos alimenticios a partir do mar, e así o testemuña a abundancia de restos denominados “concheiros”.

Numerosos vestixios da cultura castrexa chegaron ata nós, constituíndo unha importante fonte de información sobre as súas costumes e modo de vida: pedras de moa, machados, puntas de frecha, útiles de cerámica, vasillas, xoias, obxectos ornamentais, sen esquecer os propios castros e parte das súas construccións.

Da época romana non conservamos demasiados restos arqueolóxicos, podendo citar estelas funerarias atopadas en Olveira e muíños en Artes.

Durante o século VI o pobo suevo tamén estivo asentado no noso concello. Toda a comarca pasou a formar parte dunha parroquia medieval, "Parrochiale Suevum", que pertencía ó Bispado de Iria Flavia, perto do actual Padrón.

A etapa que vai dende a romanización ata finais do século XII foi unha época difícil e escura, con baixo ou case nulo crecemento demográfico, foi a época das invasións viquingas, normandas e sarracenas que asolaron a zona deixándoa case despoboada, dende finais do século VII ata ben entrada a baixa idade media.

Dende o século XII ó XXI

Nos séculos XIII e XIV a costa inicia unha nova etapa de tranquilidade que permite un lento pero continuado repoboamento da zona ó rematar a ola de saqueos e invasións. O principal núcleo de poboación da época medieval é unha parroquia interior, Carreira.

É no século XVI cando despuntan as industrias do salgado e afumado debido a abundancia de capturas de sardiña, e a necesidade de empregar técnicas de conservación. Ó mesmo tempo comeza o despegue de pequenos portos da ría como os de Rianxo, Pobra e Palmeira e a comarca vive unha nova etapa de crecemento económico e demográfico, que se vería freada pola epidemia de peste bubónica e novas incursións de piratas turcos e ingleses.

No século XVIII prodúcese o crecemento económico máis forte de Ribeira, vencellado á pesca e as industrias de cura e salgado de sardiña, pescada, bacallao e badexo. A primeira fábrica de salgadura establecese en Sálvora en 1770, e as seguintes en Aguiño, Carreira, Ribeira e Corrubedo. Palmeira tiña o primeiro secadoiro de bacallao da ría en 1900.

O esplendor económico vai ligado á chegada de emprendedores empresarios cataláns á comarca, e en pouco tempo Ribeira pasa a ter unha importante flota pesqueira e a convertirse nun dos máis importantes portos de Galicia, ó tempo que reconvirte as industrias tradicionais por modernas fábricas de conserva dando un novo pulo ó comercio e a exportación de productos mariños. Tamén merecen ser destacadas varias fábricas de serrar madeira, exportacións de piñeiro a Inglaterra e concesións de minas.

Cara a 1835 houbo unha reforma administrativa e Ribeira foi declarada capital do novo concello: “Concello Constitucional de Santa Uxía de Ribeira”. En 1906 o Rei Alfonso XII concedeulle o título de “Cidade” polo seu desenvolvemento industrial e comercial.

Ribeira seguiu medrando e expansionándose ó longo do século XX, perfilándose como un dos principais portos de España. Agora, como capital da comarca da Barbanza, presenta unha clara expansión industrial e comercial, unha especialización do sector pesqueiro e unha aposta polo sector turístico que levan a este concello a un novo futuro de expansión.

Festas

Ribeira é o centro turístico do Barbanza. As festas sucédense durante todo o verán, destacamos:

Axenda Telefónica

INSTITUCIÓNS, ORGANISMOS E ADMINISTRACIÓN
SERVICIOS SANITARIOS E DE ASISTENCIA
SEGURIDADE E ORDE PÚBLICA
AUTOBUSES E TAXIS

Lugares de Interese do Concello de Ribeira

Moitos destes lugares de interese van ser incluídos nas distintas excursión do congreso

1- Parque Natural Dunar
2- Dolmen de Axeitos
3- Pedra das Cabras
4- Monte de A Cidá
5- Faro de Corrubedo
6- Ermida de San Alberte
7- Peirao de A Covasa
8- Parque periurbano de San Roque
9- Museo do Gravado
10- Museo Etnográfico
11- Illa Sálvora
12- Illotes
13- Monumentos urbanos
14- Praias

1.-PARQUE NATURAL DUNAR

Declarado Parque Natural en 1992 co nome de “Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán”, está situado no concello de Ribeira, no suroeste da Península do Barbanza, abrangue 996 ha e acolle unha gran variedade de hábitats, dos que destaca a duna móbil que lle da nome. A idade xeolóxica é do periodo Cuaternario (12.000 -15.000 anos).

Formado por un amplo areal de 4 kms limitado por cantís rochosos, a lagoa e marisma de Carregal, comunicada co mar por unha canle, e outra lagoa de auga doce, a de Vixán.
A zona da praia presenta varios cordóns de dunas fixas e unha gran duna móbil que avanza lentamente cara o interior: as dunas de Corrubedo, únicas dunas móbiles do norte peninsular, cunhas dimensións de 1000 m de lonxitude, 200 m de ancho e 15 m de altura.
No Complexo de Corrubedo están representados varios ecosistemas litorais de gran interese ecolóxico, como son costa areosa e rochosa, cantís, dunas fixas e móbiles, lagoas doces e salobres, marismas e mato. Con respecto á riqueza biolóxica destacan 247 taxons vexetais, dos que 23 están protexidos por considerarse rarezas ou endemismos (Omphalodes littoralis ssp. gallaecia, Iberis procumbens), así como unha gran diversidade faunística, sobre todo ornitolóxica con máis de 70 especies de aves, especialmente limícolas e anátidas (píllara dourada, píllara papuda, pilros, mazarico, pato cullerete, alavanco, garzas, parrulos, espátula, demo negro…) que teñen aquí o seu hábitat permanente ou como estación de paso nas rutas migratorias. As lagoas e marismas son un importante lugar de cría de peces e crustáceos e tamén é salientable a diversidade de anfibios e reptís (10 e 14 especies, respectivamente).
Nos arredores do parque consérvanse restos prehistóricos e sobre o lugar existen varias lendas referentes a un poboado palafítico e unha cidade mergullada (Valverde).
A zona está acollida a outras figuras de protección, amáis de Parque Natural, como son “ZONA HÚMIDA DE IMPORTANCIA INTERNACIONAL” mediante os convenios RAMSAR e ZEPA, e LIC (Lugar de Importancia Comunitaria), proposto para a Rede Natura 2000 co nome de “Complexo Húmido de Corrubedo”.
Na entrada do parque dous edificios acollen ós visitantes: a Casa da Costa e Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral (CIELGA), facilitando tres itinerarios autoguiados: “O camiño do mar”, “O camiño da auga” e “O camiño do vento”.

Dolmen de Axeitos2.-DOLMEN DE AXEITOS

Tamén coñecido co nome de Pedra do Mouro, é un monumento funerario do Megalítico, situado no lugar de Axeitos (Oleiros); é unha das antas máis representativas da prehistoria galega, formada por oito lousas imbricadas sobre unha planta poligonal. A cámara mide 2,30 m desde a entrada ó fondo, e 3 m de lado a lado; a altura do monumento acada os 2 m.

3.-PEDRA DAS CABRAS

Un dos petroglifos máis relevantes do Período Megalítico. Mostra dous cuadrúpedos, que parecen cápridos, de grandes proporcións gravados sobre un bolo granítico. Segundo algunhas hipóteses foi pedra de sacrificios, segundo outras trátase dunha marca de territorio de caza. Atópase no lugar de Figueirido (Palmeira).

4.-MONTE DE A CIDÁ

Con 209 m de altitude, ofrece unha das mellores panorámicas sobre o Parque Natural de Corrubedo, cabo Falcoeiro e a illa de Sálvora. O miradoiro está construído sobre unha pedra, chamada A Pedra da Rá. Perto da cima está o castro de A Cidade, aínda non escavado, pero no que se descubriron pedras pulidas, cerámica e hachas.

5.-FARO DE CORRUBEDO

Situado no cabo de Corrubedo, elévase sobre un frontón rochoso de ata 20 m de altura. Inaugurado en 1854, presenta planta semicircular para atenuar os efectos do vento. A torre parte do interior do edificio, no que destaca a escaleira de caracol realizada na forxa de Sargadelos.

 
6.-ERMIDA DE SAN ALBERTE

Ermida románica, do século XI, aínda que da época medieval só conserva a pequena ábsida, cunha diminuta ventá no testeiro e dous arcos de medio punto no interior.
Lugar de tradicións, era costume subir a ermida para interceder polos mariñeiros en momentos de temporal. Outra costume que segue a celebrarse na romaría de San Albertiño, o seguinte luns ó de Pascua, consiste en tirar tellas ata a repisa da ventá tapiada co fin de conquerir parella.

7.-PEIRAO DE A COVASA OU PEIRAO FENICIO

Vello espigón situado na Covasa, Aguiño, a 500 m do porto moderno. É unha ringleira de pedras de cantería duns 30 m de longo por 3,5 m de alto, ordenadas en tres chanzos. Durante bastante tempo foi considerado como un porto construído polos fenicios na súa época de esplendor comercial, nos séculos XII ó VIII a. C.

 

8.-PARQUE PERIURBANO DE SAN ROQUE

Parque situado perto da Capela de San Roque desde onde se obtén unha fermosa vista de Ribeira. No interior está a Escola Obradoiro Illa de Sagres e conta cunha exposición permanente de réplicas de elementos arqueolóxicos representativos da comarca dos períodos megalítico, idade de bronce e castrexo.

9.- MUSEO DE ARTES DO GRAVADO Á ESTAMPA DIXITAL

Inaugurado o 9 de Outubro de 2001 cos Gravados do inferno e o Pantagruel de Dalí e os debuxos do Guernica de Picasso, este museo centra o seu obxectivo na colección, estudio e difusión do arte gráfico desde as súas orixes ata os nosos días.
Acolle diferentes técnicas artísticas desde o século XV ata o momento actual, xustificando así a súa denominación: do Gravado á Estampa dixital. O museo dispón dun volume de obras superior ós 6000 exemplares, destacando as de Goya, Rubens, Dalí, Picasso, Ricardo Baroja, Carlos Saura, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Rafael Alberti.....

10.-MUSEO ETNOGRÁFICO

Inaugurado en 1998, atópase no Centro Recreativo e Cultural de Artes. Presenta unha importante colección de pezas de uso tradicional e cotián que foron caendo en desuso co paso dos anos, como antigas ferramentas de carpinteiros, canteiros, zapateiros, cesteiros, instrumentos relacionados coas labores do campo, así como moedas antigas, escritos, armas, ou fotografías.

11.-ILLA DE SÁLVORA

Situada fronte Aguiño, na boca da ría de Arousa, forma xunto cos illotes próximos parte do único parque nacional de Galicia: O Parque Nacional das Illas Atlánticas, declarado en xuño de 2002, xunto coas illas de Cortegada, Ons e Cíes.
Sálvora é unha illa de granito vermello, de perfil plano e forma triangular, altura máxima de 77 m (As Galleiras) e 14 km2 de superficie. A costa é bastante abrupta e accidentada e as escasas praias situánse na cara abrigada, cara ó interior da ría.
Dende hai 500 anos estivo ligada os señores da Torre de Goiáns, Boiro, sendo o actual propietario o Marqués de Revilla. En 1870 instalóuse a primeira fábrica de salgadura da ría de Arousa, chegando a ter unha poboación de 60 personas a mediados do século XX, pero dende 1978 está despoboada. O acceso á illa está restrinxido.
A meirande parte da illa está cuberta de toxo e nela hai colonias de cría de gaivotas e cormoráns. Foron introducidas especies foráneas como eucaliptos e outras de interese cinexético.
Na illa pódese contemplar as ruínas dun pazo, o faro construído en 1921 con torre octogonal, restos da aldea, e o Monumento á Muller, en recordo do heroico salvamento efectuado polos habitantes da illa, con motivo do naufraxio do buque Santa Isabel en 1921, no que pereceron 213 pasaxeiros.

12.-ILLOTES

Varios illotes salpican a ría, os situados entre Sálvora e a costa forman parte do Parque Nacional Atlántico. Destacamos:

Varias lendas fan referencia a estes illotes. Unha delas fala da loita entre os celtas que chegaron por mar e os antigos poboadores. Os celtas caeron enfeitizados e convertidos en pedras: o xefe Saefes orixinou un peñasco de forma singular, “O Home de Sagres”, a súa lingua, mandíbula e moas formaron os illotes de Setelínguas, Queixada e Moas, mentras que outras penas serían os restos das embarcacións.

13.-MONUMENTOS

No entorno urbano os monumentos máis salientables son:

14.-PRAIAS

O extenso litoral de Ribeira, de máis de 25 km, permite a existencia dun gran número de areais de características moi diferentes: salvaxes, urbanizados, de augas bravas ou tranquilas, ideais para deportes naúticos ou para pasear. Dende Corrubedo ata Palmeira, son:

 


Copyright © 2001, ENCIGA