Santiago, a 20 de xuño de 2007
“...Sentir que es un soplo la vida,
que veinte años no es nada...”
Carlos Gardel,
Volver Benquerid@s compañeir@s:
Semella que foi onte cando o noso Congreso anual botou a andar alá polas terras brigantinas. Xa o dicía Gardel no seu famoso tango, vinte anos non é nada, e como quen non quere a cousa, chegamos a ese redondo ordinal que merece unha celebración especial.
É por iso que a directiva de ENCIGA decidiu que o vixésimo Congreso fose distinto. Primeiramente tentamos organizalo en Londres, berce da Ciencia moderna. As cousas ían polo bo camiño: tiñamos Centro organizador, o Instituto Español en Londres “Vicente Cañada Blanch”, que xa estaba dando os primeiros pasos organizativos, mais topámonos coa Administración encarnada no Consejero de Educación da embaixada española en Londres, quen freou o proxecto alegando que a organización de congresos non estaba entre os obxectivos do Instituto. Unha mágoa.
Lonxe isto de desanimarnos, fíxonos á directiva de ENCIGA tomar a decisión de constituírse en Comité Organizador do 20º Congreso. Seguiamos coa teima de facer algo diferente, e aínda que podiámolo ter feito nun instituto que se ofreceu a organizalo e a quen llo agradecemos desde aquí, decidimos facelo nun balneario, concretamente no Hotel Carlos I de Sanxenxo. Alí desenvolveranse tódalas comunicacións, obradoiros, Mesas Redondas, conferencias e outras actividades.
A nosa idea é que o hotel sexa pechado para os congresistas, o que nos permitirá ter todas as instalacións de bares, salóns e demais só para nós, e por eso temos conseguido uns prezos moi vantaxosos tanto no aloxamento como nas instalacións termais. Así que levade os bañadores e as chanclas. Os detalles están na nosa web.
Non obstante, se alguén ten hidrofobia, a situación do hotel en pleno centro de Sanxenxo permítenos desconectar por uns instantes do Congreso sen máis que darmos unha pequena camiñada pola praia de Silgar ou polos excelentes mesóns.
Falando dos aspectos propios do congreso, podemos adiantarvos que estamos en conversas para traer ós mellores conferenciantes dos diferentes eidos da Ciencia, e entre eles un Nobel, pero visto o éxito de Londres mellor non prometer nada máis que o intento de facelo.
Ademais, e fundamentalmente, como ben sabedes os congresos de ENCIGA existen fundamentalmente polas vosas contribucións. É por iso que vos pregamos encarecidamente non deixedes de enviar as vosas comunicacións, carteis e calquera experiencia que queirades compartir. Sen elas, o congreso estaría absolutamente orfo.
Tamén comentarvos tres novidades. A primeira, que este ano a Cea de Confraternidade será pagada por adiantado na conta bancaria de ENCIGA. A segunda, un detalle sobre a puntualidade: aínda que o hotel ten 5 aulas perfectas para impartir as comunicacións e un notable salón de actos, por favor non vos demoredes co horario de entrada e saída. A terceira novidade será unha sorpresa.
Finalmente, habería que falar un pouco da terra que nos vai acoller do 22 ó 24 de novembro: o Salnés. Penso que calquera comentario sobra porque, ¿quen non coñece as bondades desta comarca capaz de brindarnos os mellores froitos do mar e da terra, de agasallarnos cun dos mellores climas do noso pais, ou de ofrecernos as mellores paisaxes salpicadas de historia, arte e cultura?
Se aínda tedes dúbidas sobre a vosa participación, non vos ofendades se vos dicimos que toleastes. Recibide unha forte aperta ata máis vernos no vixésimo congreso. E, por suposto, grazas por seguir aí.
A DIRECTIVA
congreso20@enciga.org
Un último detalle: pasaremos os recibos de 2007 a finais de agosto. Por favor, se trocastes de conta ou calquera outra cousa, avisádenos. Grazas.
En el congreso se desarrollarán las siguientes actividades:
Los temas que sugerimos para la presentación de trabajos, sin carácter excluyente, son: